Celso Emilio Ferreiro

O cabronario

LuscoFusco, Vigo, 320 páxinas, 24 €, 2024

Baixo a responsabilidade de Sil Cal Bao ve a luz un “novo” libro de Celso Emilio Ferreiro. Voz, por certo, que garda similitudes coa de Xabier Ferreiro Loredo, como testemuña o traballo desenvolto por este na recuperación da poesía da época da guerra de Celso Emilio Ferreiro que se plasmou no título Birimbao (2020).

Nesta ocasión presenciamos unha proposta que incorpora textos coñecidos e outros practicamente inéditos. En efecto, velaquí O cabronario, subtitulado significativamente como “Poemario de resistencia 1950-1973”, que recolle un corpus poético de carácter crítico, inédito e esquecido no fondo dun caixón. Froito dun vagaroso proceso de composición desenvolto desde os anos venezolanos do poeta, son composicións nas que o autor se libera da autocensura e escribe sen someterse a limitación ningunha: isto explica a existencia dunha produción, un artefacto literario e político, verdadeiramente impublicable no seu tempo, nin sequera en forma de opúsculo. Malia a intención confesada do autor en diversos lugares, estes poemas nunca se puideron editar en forma de libro independente e tan só circularon de xeito clandestino, en círculos de amizades, debido ao aceirado aguillón crítico que exhibían ao dirixírense contra a ditadura de Franco erguendo, así, un canto contra a falta das liberdades políticas e contra quen se aferraba a este inmobilismo para perpetuarse no poder. Outros textos aquí incorporados si chegaron a ver a luz, cun percorrido igualmente moi limitado, baixo o título de Al César enano: poemas que comparten cos anteriores unha orientación incisiva semellante, como ocorre con outros nunca compilados ata agora entre os que se atopan algúns en lingua galega. Cómpre sinalar o excelente traballo do editor que, alén dun limiar explicativo que contextualiza a creación destas composicións á luz da biografía ferreiriana, ofrece un valioso comentario individualizado a cada unha das composicións.

        Definido como un “grimorio escatolóxico” é este tamén un testemuño dun tempo, unha sorte de crónica do esperpento e da represión con vontade claramente transgresora. Literatura de escarnio que é, asemade, unha valiosa ferramenta para analizar o noso pasado.

Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, sección “Ex umbra in solem” de La Voz de Galicia, o 26 de xullo de 2024.