As páxinas de Cultura de La Voz de Galicia acolleron onte este artigo no que abordo diferentes cuestións vinculadas coa actualidade do autor celanovés.

Percibo, desde hai algúns anos, como sobre a figura de Celso Emilio Ferreiro, maioritariamente recoñecida por fortuna tanto por ser unha das grandes voces poéticas do século XX como polo seu incontestable e documentado compromiso político con Galicia e a súa identidade desde a súa mocidade, asoman sucesos ou decisións imperdoables como foron a súa vinculación ao organismo da Fiscalía de Taxas pontevedresa, de duración efémera e pane lucrando; os ecos da ruptura con vellas amizades como as que mantivera con Cunqueiro ou Fernández del Riego; a súa militancia no PSOE, anecdótica e cun carné inducido por persoa interposta, e outras acusacións que abalan entre as que ven -sic- unha incontrovertible defensa da literatura en castelán ao abrazar e impulsar edicións bilingües da súa obra ou mesmo actividades intelectuais sorprendentes que o adxectivan como manipulador da súa propia obra, entre un longo etcétera de acusacións un tanto curiosas e que, ademais e ao que podo saber por estar medianamente atento ao que se publica no ámbito da historia da literatura galega, non se dan nin de lonxe nas revisións biográficas ou literarias doutras voces literarias galegas do século pasado.

            Dun ou doutro xeito, xa en vida Ferreiro estivo inmerso e protagonizou, en ocasións sen querelo, mil e unha polémicas por defender ideas propias e, case cincuenta anos despois do seu falecemento, velaí continúan os ecos das súas decisións aínda que agora sen posibilidade de que el mesmo poida replicar de maneira directa. Hai algúns anos, Arturo Lezcano dedicaba un dos seus extraordinarios artigos a Celso Emilio, a quen coñecía desde neno e que denominaba “xigante entre ananos”; nese artigo repasaba con lucidez os momentos importantes da vida do celanovés e reparaba nas mostras de afecto mutuas para centrarse con máis vagar na homenaxe que se lle tributou no Hotel Roma ourensán en 1966 antes da súa partida a Venezuela -oxalá nun par de anos se poida evocar como merece esta celebración no seu sesenta aniversario- onde o propio Lezcano, xunto co periodista J.V. Gimeno e instados ambos os dous por Luís Soto, exerceu de co-organizador técnico do acto con confesadas limitacións para estas funcións. Como é sabido aquel foi, probablemente o primeiro acto de resonancia pública da Galicia resistente contra o franquismo, e celebrado en pleno franquismo, pois ademais de tributar un recoñecemento a Celso Emilio tamén houbo ocasión para reivindicar os dereitos dos labregos de Castrelo de Miño e Ventosela ameazados pola construción dun inminente encoro, amparado no poder da empresa hidroeléctrica FENOSA.

Participo da opinión que con todas as lóxicas contradicións que arrastra a condición humana a figura de Celso Emilio Ferreiro merece aínda recoñecementos e, sobre todo, que se lea a súa obra. O antes aludido Arturo Lezcano, naquel artigo, definiuno como un home de ollos bos “debaixo dos óculos, cheo de sabedoría irónica, que como un relampo podía estralar na lanceta temíbel dos seus dardos de escarnho e maldizer, tanto sociais e políticos como dirixidos aos parvos ridículos da incipiente animación cultural”. Velaí, nesta liña, o recente rescate e compilación da obra máis aceirada e crítica do autor contida nese libro titulado O cabronario (2023). Han vir, no futuro, máis cousas porque como el mesmo deixou escrito ese lume que alampea xamais o veremos morto.

Homenaxe no Hotel Roma tributado a Celso Emilio en maio de 1966.