Celso Emilio Ferreiro
Pido unha patria ao mundo
LuscoFusco Edicións-Ed. Elvira, Vigo, 114 pp., 20 €
Luscofusco Edicións, da man da viguesa editorial Elvira, estreou hai escasas datas unha coidada colección que, baixo o título de Colección Moraima, incorpora na súa primeira entrega un libro que compila textos dispersos, esquecidos e/ou inéditos de Celso Emilio Ferreiro baixo a denominación dunha coñecida composición do poeta que titulou no seu día “Pido unha patria ao mundo”: poemas escrito nun momento no que o autor sentía en carne viva a experiencia vivida como transterrado mais que, ao tempo, tamén se pode entender como unha reflexión existencial.
A edición, disposta e comentada baixo a man de Xabier Ferreiro -que xa dera a coñecer O cabronario (Editorial Elvira, 2024) – e epilogada por María Xosé Porteiro, articúlase como unha colleita que é resultado da procura en diferentes arquivos e hemerotecas. En efecto, tal e como se sinala, é este un libro que nunca se ideou polo poeta celanovés baixo ese título nin ningún outro mais que recolle, claro é, un monllo de composicións de diversas épocas e vinculadas por unha estética que exhibe o seu inequívoco compromiso social, malia que non todas pois tamén hai poemas de circunstancias e outros ditados por diversas inspiracións como a proximidade da morte ou a vivencia do amor. O editor encárgase, fóra dun preceptivo prólogo, de sinalar a orixe e as fontes de todos e cada un dos poemas “recuperados”, alén de ofrecer unha síntese explicativa de cada composición.
Particularmente e lectura do volume supuxo, claro é, o reencontro coa palabra do Celso Emilio Ferreiro. Un reencontro que revelou a existencia, para min, dalgunhas composicións até agora descoñecidas como as que constitúen unha sección singular composta por trece poemas que pertencen ao libro Poemáforos, que se editará integramente en breve na mesma colección Moraima, e que me permitiu volver atopar o fermoso poema titulado “Abril 1972” dedicado a Moraima, que xa recuperaramos na biografía publicada en 2012.
Pousar de novo os ollos na palabra de Celso Emilio é algo de agradecer pois sitúa de novo o foco de atención na súa poesía e posibilita calibrar, unha vez máis, a relevancia da súa voz cando xa temos no horizonte o cincuentenario do seu falecemento.
Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, sección “Ex umbra in solem”, o 10 de outubro de 2025.
