Alfonso Eiré

O militante

Hércules de Ediciones, A Coruña, 272 páxinas, 24 €, 2024.

Afonso Eiré presenta unha dilatada traxectoria narrativa e de investigación que, talvez, non suscitou unha atención crítica que obxective o valor real das súas propostas, na liña do argumentado polo escritor Manuel Veiga nun recente libro. Neste sentido, Eiré ofreceunos xa vinte entregas en forma de libro, grosso modo, nas dúas últimas décadas e en todas elas repousa unha intención consciente de recuperar a memoria e radiografar os latexos da sociedade galega, a de arestora ou a de hai algúns anos.

 E velaí como esta novela recolle, a través dunha visión estruturada en dous planos temporais superpostos, a biografía de Martiño: un “militante” na liña máis ortodoxa do nacionalismo e activo sindicalista na banca que foi. Un home que agora comparte unha visión escéptica, asolagado por certa desorientación vital, alleo ás responsabilidades que noutro tempo abrazou e “condenado” a presidir unha comunidade de veciños nunha cidade atlántica nomeada “A Oliva”, trasunto evidente da cidade de Vigo, que exemplifica a técnica do enmascaramento “transparente” que o autor emprega asemade na denominación de personaxes, empresas ou institucións que por estas páxinas pululan.

E a Oliva é, se cadra, algo máis ca un pano de fondo: eríxese como un dos protagonistas pois o militante, alén de ser un activista na Compostela contestataria de fins dos anos sesenta do século pasado ou testemuña das adxudicacións dos parques eólicos, repara con especial atención nalgúns dos acontecementos claves da política municipal viguesa máis recente. Estes, entre outros, son o acceso á alcaldía do nacionalismo e os problemas aos que tivo que se enfrontar, a aparición dunha nova entidade bancaria en Galicia na que xogaron moitos intereses particulares e empresariais ou a vida cotiá da cidade hoxe en día dominada polo que chama “hipsterización homologante” e pola intención nada disimulada desde o poder municipal de converter a cidade nun parque temático interminable, alén de reparar no ocorrido con Pescanova ou o que aconteceu coa crise dos estaleiros.

Canto hai de documentalismo, de historia ou de ficción nesta novela? Quen se achegue a ela ha construír a súa propia opinión.

Esta recensión viu a luz nas páxinas do suplemento Fugas, sección Ex umbra in solem, de La Voz de Galicia, o 19 de xullo de 2024.