Manuel Veiga
Perder as bestas
Xerais, Vigo, 128 páxinas, 16,95 €, 2023
Lin máis propostas de Manuel Veiga das que recensionei. Por veces ocorre así por diversas circunstancias e nunca se deberon a non considerar a súa unha voz atractiva pola pluralidade temática que exhibe, pola riqueza e atención que sempre deposita no rexistro lingüístico e pola inequívoca solidez na arquitectura narrativa que deseña.
Nesta ocasión acaba de saír publicada outra novela do autor monfortino radicado en Vigo baixo o título de Perder as bestas -expresión fraseolóxica que, como sinala nunha nota previa, indica actuar de maneira insensata e, por extensión, perder o xuízo- que percorre un asunto que nos achega a un capítulo histórico como é o da inmediata posguerra desde a atalaia dun universo que nos relata, con transparencia e sen ambaxes, os diferentes ángulos desde os que se pode abordar a miseria e mais a descomposición moral que sobrevén logo da guerra civil. Para iso, inspírase na utilización do poder sen límites e no uso da violencia indiscriminada para loitar contra as partidas das guerrillas galegas -os denominados “ateos”- e así subliñar a conivencia entre o poder político, o relixioso e o xudicial para acabar cos gromos da resistencia armada contra o franquismo.
Perder as bestas, así pois, únese á preocupación por reivindicar unha capítulo histórico desde a ficción como no pasado realizaron Méndez Ferrín, Carlos G. Reigosa ou Pemón Bouzas, cada un coas súas propias modulacións, como é o da xénese, composición e obxectivos das chamadas contrapartidas, desde unha perspectiva interna e, nesta ocasión, situada nun territorio fronteirizo. Malia a filiación indubidablemente histórica, o exercicio narrativo resulta veraz, transparente e áxil talvez por presentarse a través dunha escrita directa e cómplice, en ocasións conscientemente crúa e sen tabús, e tamén pola solvente configuración psicolóxica coa que se revisten os diversos personaxes, algúns anónimos e outros non, o que non está rifado cun poderoso pulso descritivo, tanto nos espazos de interior como naqueles ámbitos naturais, agrestes e duros, onde se desenvolve a maior parte da trama.
Feliz continuidade da traxectoria creativa de Manuel Veiga de quen agardamos novas entregas.
Esta recensión publicouse na sección “Ex umbra in solem” do suplemento Fugas de La Voz de Galicia, o 28 de xullo de 2023.
