O dicionario da RAG incorpora o termo “flash” e na súa terceira acepción ofrece o significado figurado de “noticia moi resumida”. Ao fío desta acepción inicio unha sección na que deitarei comentarios, case informativos, sobre algúns dos libros que recibo e dos que me resulta imposible ocuparme con máis extensión. Non quere isto dicir que non merezan unha análise máis detallada, antes ben penso que deben estar neste blog, expostos con brevidade -un ou dous parágrafos- co obxectivo de ofrecer unha lectura rápida, exercicio que tantas veces realizamos nas redes. Estas lecturas presentaranse, así pois, coa abreviatura “LF”, isto é, “lectura flash”.
E a sección inagúraa Quero escribir literatura, de Manuel Veiga: un libro breve, orientado cara ás persoas que queren dispor dunha sorte de guía básica para comezar a escribir, ilustrado por Miguel Robledo. O mellor talvez radique na tonalidade directa e sinxela que adopta o autor e que abala entre a ironía, o humor e a experiencia propia para despexar dúbidas, ou orientar, acerca da creación literaria. Se cadra, algunhas afirmacións poderían ser matizadas pero en liñas xerais Veiga ofrece unha proposta de inequívoca utilidade e valor para moitas persoas que, nun momento determinado, queiran iniciarse no camiño da creación literaria.
