Non é un este libro local en absoluto. Ferrol, con textos de Ramón Loureiro e fotografías de Daniel Díaz Trigo (publicado con excelencia por Aldine proxectos gráficos e cun limiar fermoso de X. Antonio Ponte Far), goza e gozará dunha proxección que vai alén da cidade e do territorio ferrolán; vai alén mesmo, o que sería totalmente lícito, de achegar unha síntese aséptica das claves da cidade.

Grazas á prosa de Loureiro e ás instantáneas -magníficas- de Díaz Trigo abrázase un percorrido que, como se sinala no subtítulo, se interna na “alma da cidade“: algo que non é doado de apreixar e, aínda menos, de comunicar a través da palabra. Loureiro, voz competente na historia da cidade e dono dun pulso propio e inconfundible, mergúllanos nela suxerindo sen interrupción vieiros reais e soñados, interpretacións que nos axudan a ver a cidade doutro xeito. Con esa perspectiva guíanos a través dun feixe de singraduras que van facendo escalas nos espazos arquitectónicos máis salientables, claro é, que conserva a cidade, mais tamén -e sobre todo- nas xentes que poboaron e poboan o territorio, na súa idiosincrasia e nas súas crenzas, nas pegadas que aquelas deixaron -as visibles e as invisibles- para retratar un lugar instalado nese gume que abala entre o máxico e o real.

Este Ferrol, non teño dúbida, é unha pequena alfaia. Beizón ás persoas que o fixeron posible.