
O 7 de xaneiro de 1950 falecía en Buenos Aires Alfonso Daniel Rodríguez Castelao e atravesamos hoxe esta data significativa na que é un obriga lembrar a súa figura e obra no seu 75º cabodano.
Desde que este blog está activo, na realidade desde que teño recordos de exercer a crítica, a súa figura está sempre presente, como referencia, como influencia literaria ou polícita ou como proxección actual. Tamén é unha sorte que a miña profesión arrastre canda si a responsabilidade de falar da importancia de Castelao desde hai 36 anos e, ademais, facelo desde hai uns anos nun centro de ensino público galego que loce orgulloso o nome de IES Castelao.
No plano emotivo confeso que a experiencia máis intensa foi poder visitar o cuarto 203 -no corredor do centro sinálise como o 202, Museo Castelao- do sanatorio do Centro Galego de Buenos Aires en abril de 2012. Un espazo que permanece encapsulado, alleo ao paso do tempo, cunha mínima intervención que se axusta á visualización dun mostrario de diversos obxectos e libros de Castelao. Algo único, que eu coñeza, no ámbito dos exiliados da guerra civil. Velaquí algo máis que Castelao conseguiu como foi o de converter o lugar en que morreu nun símbolo do ecumenismo laico que debería -que debe- unirnos malia as diferenzas en obxectivos comúns: na memoria de quen somos e mais tamén, nestes tempos que corren, na defensa e promoción da nosa lingua.

