Seguimos a cruzar o ano Fernández del Riego. A súa foi unha presenza que, como sinala Malós Cabrera, boa coñecedora da súa figura, simboliza unha mina na que existe, aínda hoxe, moito carbón. Tanto que, con toda certeza, moitos ángulos do seu incansable quefacer cotián, desenvolto ao servizo do seu país durante décadas, han quedar para se revelar ou analizar con maior profundidade no futuro, malia agardada e precisa achega que nos acompañou nos últimos meses composta por un moi valioso material audiovisual e didáctico, estudos, compilacións da súa obra xornalística -onde hai tanto que facer-, traballos divulgativos, reedicións, un valioso Diario da guerra, biografías ou textos inéditos que, felizmente, viron a luz.
Se ben a súa obra de carácter memorialista é ben coñecida e, dalgún xeito, se espalla, alén dos dous volumes centrados en contarnos a súa propia vida, en numerosas monografías, teño para min que resulta escasamente divulgada a existencia dunhas notas autobiográficas. Estas percorren diversas épocas vitais de Fernández del Riego, dispostas a xeito de diario malia contaren cunha disposición que non goza dunha continuidade sistemática. Os apuntamentos, dispostos en follas soltas manuscritas de diverso tamaño, agás nalgúns casos que aparecen numeradas, redactáronse no seu día coa intención de levantar acta -sospeito- das vivencias persoais. Documentos conservados, lóxica e afortunadamente, nos fondos do Arquivo Fernández del Riego que se custodian na Casa Galega da Cultura de Vigo.
Os documentos aos que me refiro, non moi abondosos pero significativos, comezan con algúns acontecementos que se sitúan na época da República respecto dos que foi testemuña privilexiada nalgúns casos ou protagonista directo noutras. Neste sentido gozan de inequívoco valor, a ollos de hoxe, aqueles fragmentos en que revela encontros de carácter político con Alexandre Bóveda, Castelao, Otero Pedrayo; visitas ao obradoiro da editorial Nós de Ánxel Casal ou o trato que mantivo con outras persoas embarcado, como estaba, nun proxecto global que el mesmo denominou como misión “redentorista”. Describe tamén, con letra apurada, a súa incorporación a diversos proxectos persoais e colectivos; recolle impresións de viaxes ou o labor que desenvolveu en actos culturais como a Semana Cultural de Porto (1935) organizada polo Seminario de Estudos Galegos, deixando constancia tamén da súa participación en faladoiros ou encontros con persoas que, coa perspectiva actual, constituíron o máis selecto da intelectualidade daquela época.
Outras notas conservadas, posteriores no tempo, sitúanse xa nas décadas dos anos corenta, cincuenta e sesenta do pasado século. Nelas deixa memoria meticulosa dos seus desprazamentos e dos lugares que visita, con quen se acompaña e cal era o obxectivo daquelas viaxes; en ocasións consigna os títulos dos libros que le, acrecentando ás veces breves notas valorativas ou recolle quen asina, e en que medios, as recensións dos libros que publica. Co motivo de acontecementos culturais relevantes na súa vida, por exemplo, a súa escolla como académico de número da RAG, en maio de 1960, elabora unha listaxe que recolle nome e apelidos das persoas que o felicitan.
Notas, así pois, de carácter persoal que, con todo, gozan de manifesta importancia para coñecer, máis cabalmente, a súa personalidade e o seu percorrido intelectual. Bo sería, e coido que nada complicado, unha reprodución facsimilar deste material.
Este artigo publicouse nas páxinas de Cultura, de La Voz de Galicia, o 14 de agosto de 2023.
