Xelís de Toro
Etceteramente
Xerais, Vigo, 496 páxinas, 24,50 €, 2023
A obra de Xelís de Toro acompáñame, felizmente, desde os tempos en que comecei a interesarme polo que os contemporáneos publicaban en lingua galega e, de feito, Seis cordas e un corazón (1989) e mais Non hai misericordia (1990) foron libros debatidos e comentados, tamén gorentados, con moitas persoas próximas. Participo da opinión que se os anos pasaron sobre estas obras foi para ben.
Tras estes libros viñeron outros do autor, abofé, mais non sei se pensar se todo foi unha preparación, un camiño previo necesario, para este Etceteramente que, a meu entender, supón unha entrega singular e sorprendente na narrativa, dificilmente comparable con outras propostas de hoxe tanto pola súa concepción pouco convencional como por todo o que amosa.
Dificilmente reducible ao espazo presente, nin sequera no que atinxe ás súas liñas argumentais, o libro propón un exercicio de ficción suxestiva na que todo se vai enguedellando entre si e alimentando, de seu, un horizonte de expectativas que vai a máis, que medra en intensidade desde certa desorientación inicial, ao se cruzaren inopinadamente, nun oito mil cheo de riscos, unha novela incompleta -onde unha voz dunha lectora crítica fai debuxar un sorriso constantemente- con dúas voces: Alfa Beto, un escritor que quere construír unha novela sublime para fuxir dun desasosego se se quer existencial e que arrastra unha crítica, por exemplo, contra a especulación urbanística, mais que tamén arrastra un grupo de revolucionarios que queren empregar a súa obra con fins propagandísticos- e outra voz que responde ao nome de Xelís de Toro, con presenza máis secundaria pero igualmente relevante.
Hai unha invocación explícita de innovación e de ir a contracorrente nestas páxinas patente na opción polo da escolla de fontes tipográficas diversas, na ausencia de páxinas e capítulos en branco; tamén na reivindicación do espírito rebelde e vangardista das figuras de Manuel Antonio e do ruso Daniil Kharms, célebre por unha obra que cultivou o absurdo, con quen se establece unha relación epistolar curiosa e, en aparencia, sen sentido. Mais sobre todo é este un artefacto narrativo que obriga a repensar, tamén a cuestionarse dalgún xeito, a novela como xénero na actualidade.
Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, o 29 de setembro de 2023 na sección Ex umbra in solem.
