Antón Lopo

Diarios / 1 [Azul Monforte]

Espiral Maior, 128 páxinas, 19 €

O azul, neste libro de Antón Lopo editado por Espiral Maior que foi seu día galardoado na vixésimo segunda edición do Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño do Concello de Sarria en colaboración coa asociación Ergueitos, é o símbolo, paréceme, dunha busca constante e recorrente que explique ou ilumine, talvez, o que é inexplicable e singular, propio e intransferible, basicamente porque é de un e agora se comparte. Seica paira nel unha posible intención como é a de construír unha cartografía que así se expón e reflexiona sobre os pasos dados, sobre experiencias vitais, sobre illas e viaxes imaxinarias ou reais que van deseñando, por xunto, ángulos e arestas desa voz espida, intensa e valente que nos fala directamente neste libro.   

Diarios / 1 [Azul Monforte] está iluminado por unha luz que o converte nun magma en evolución, que permanece teimudo na memoria: é a luz azul do agosto monfortino, senlleiro; mais tamén esoutro azul santiagués, alén doutro azul de Ons ou de Hío -sen dúbida desemellantes- e aínda un máis que é o que se ás veces se albisca no Courel: o verdadeiro, seica.

Velaquí as cores, claro, pero tamén está a vida contada a través grazas ao gume da memoria a erixir un diario ficticio e operativo para esculcar, tal escalpelo finísimo, nunha pel onde remocican, nesa agra aberta que é a do hedonismo, lampexos de felicidade e ironía. Malia iso, é nesa ampla extensión do  horizonte onde se acollen ecos da violencia e do abuso, do compromiso político e do amor, de familias non convencionais, da soidade e os coidados hospitalarios dunha nai enferma, dos estertores da vida, dos falecementos e despedidas, da natureza, dos reencontros coas parellas e da descuberta da propia sexualidade.

A busca dese azul, ou da súa imposible descrición polos diferentes matices que atesoura, vai e vén, como se move a memoria, a golpes e impulsos. É arredor dese motivo como se agrupan e estruturan estas propostas poéticas, en ocasións brevísimas e outras dominadas por unha forte narratividade, talvez cunha filiación próxima á literatura documental.

“O pasado non pasou / o pasado está por pasar” sinala Lopo nun poema titulado “A distancia” e velaí, se cadra, o camiño ou a luz que cómpre seguir, a cabalo entre o soñado e o vivido.

Este texto publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, sección Ex umbra in solem, de La Voz de Galicia, o 5 de xaneiro de 2024.