No camiño do vento
www.sesemateo.com, Vigo, 76 páxinas, 10 €, 2019
Hai, por fortuna, libros que emocionan. Libros que abrazan a quen os le; que van moito máis alá dos valores literarios que conteñen. Libros que condensan afectos; que son memoria e que materializan unha presenza, neste caso, borrada fisicamente pola violencia machista, pero nunca varrida na evocación permanente dos que coñeceron, e quixeron, a Sesé Mateo: vítima dun asasinato ocorrido en Redondela en febreiro de 2017.
Unha man amiga faime chegar este No camiño do vento. Lino cando accedín a el mais tiven que deixar algún tempo para traelo aquí pois este libro é desa estirpe dos que piden relectura, reflexión e acougo para escribir.
É este, así pois, un libro construído con moitas mans: a primeira, talvez, a de Joshua Alonso, fillo de Sesé Mateo que conseguiu salvar un caderno de escritos da súa nai que, en parte, ve aquí a luz; mais hai tamén moitas mans de mulleres aquí presentes, un espléndido exercicio de sororidade, como son as da poeta de Bon, Míriam Ferradáns, autora dunha luminosa introdución e responsable da revisión literaria do libro; da profesora Belén Puñal que incorpora un epílogo que debería ser de lectura obrigada en todas as escolas e institutos do noso país; da maquetista, María Montes; das responsables da edición -Olga Nogueira e Helena Torres-, de Sonia Díaz, Anxos Sumai e Carme Vidal… Supoño que a Sesé Mateo lle encantaría sentir toda esta mobilización, xenerosa, altruísta e feminista, nucleada arredor do que ela escribiu e aínda afirmaría do que ela foi que é, en boa medida, o que aquí se rescata.
No camiño do vento é un libro arroupado por moitas mans que se centra, en esencia, na palabra que Sesé Mateo algún día escribiu e que hoxe ve a luz. Poemas, así pois, en galego e castelán, que talvez nunca pensou en publicar pero que hoxe supoñen un testemuño feraz dunha voz rebelde, reivindicativa, marcada por unha conciencia atenta a todo aquilo que a rodeaba e que, en tantas ocasións, se abeira á imaxe visionaria, lúcida, estarrecedora e transparente. Tamén dorida, porque a súa voz se alía á crenza nun mundo mellor e máis solidario polo que sempre, paréceme, traballou.
Hai poemas aquí nos que fala sobre a morte que conmocionan; hainos esperanzadores e escintilantes, sobre todo os que falan das mulleres e do amor, dun amor sincero, alleo a romanticismos e visións que aínda tanto dano hoxe fan. Hai versos, ou textos en prosa, en clave intimista e confesional, que traducen a personalidade sincera dunha voz que absorbía o mundo e a vida para logo traducírnola e contárnola. Sesé Mateo afirmaba que ler é un acto de amor e reflexión consigo mesmo: non hai mellor orientación para achegarse a este libro, mercalo e lelo. Créanme.
