Nunca defraudan Pinto & Chinto. Calquera proxecto literario e artístico que aborden está destinado, en primeira instancia, a que pasemos, alén da fronteira das idades que eles axudan a esfarelar, un bo e divertido anaco de lectura, en voz alta e compartida talvez mellor, sen deixar de reparar no acompañamento gráfico deste tándem, sempre tan brillante e dono dun estilo inconfundiblemente propio.
Nesta ocasión O fabricante de sombreiros (Baía Edicións) non se afasta da dinámica que acompaña os últimos álbums ilustrados de Carlos López e David Pintor. Nel dáselle vida a un marabilloso señor Marcus que, sen dúbida, é o mellor fabricante de sombreiros do mundo ao ser quen de inventar chapeus extravagantes e inimaxinables para todas as profesións posibles, para todo tipo de persoas e para calquera situación que se poida imaxinar. Precisamente disto, de imaxinación e da fantasía, desbordante e tantas veces insospeitada porque nunca é previsible, mais tamén do cultivo da diversidade está alimentado este libro que é imposible non devorar sen que se debuxe un sorriso, ou varios, nacidos ao abeiro dun espírito humorístico dominado, nas súas claves expresivas, con precisión de cirurxiáns. Grazas, Pinto & Chinto, unha vez máis.
Este texto publicouse nas páxinas de Cultura, de La Voz de Galicia, o 28 de agosto de 2024.
