William Faulkner
En canto agonizo (tradución de Moisés Barcia)
Rinoceronte, Cangas do Morrazo, 232 páxinas, 20 €, 2024
No ano 1974 Fernández del Riego publicaba un libro que a min me parece, aínda hoxe, un exemplo das súas preocupacións intelectuais e un espello do seu quefacer. Titulábase Letras do noso tempo e, nesas páxinas, aludía a este libro que hoxe nos ocupa –En canto agonizo (traducido polo laurentino como Mentras eu agunío) do que salientaba o uso espléndido que exhibía do monólogo interior.
Pasados moitos anos daqueles comentarios e noventa e cinco da súa publicación orixinal chega a nós esta proposta da man de Moisés Barcia que recrea, con acerto ao meu ver, a complexidade expresiva e desafiante duns personaxes definidos con brillantez e crueza. En efecto, o uso do monólogo interior é un dos trazos máis característicos desta novela, que se distribúe nunha estrutura narrativa fragmentaria e que, ademais, asume un abano composto por diversas voces: quince en total, o que contribúe á complexidade que ofrecen distintas visións, ás veces contraditorias, dun mesmo asunto e que fai pensar en que a verdade non é só unha e que todo goza de límites esvaecidos.
Todo por xunto posibilita achegarnos a unha viaxe simbólica a través da morte pois a familia quere cumprir o derradeiro desexo de Addie Bundren, matriarca da familia, que pediu a enterrasen na súa cidade natal: Jefferson. Velaquí como a trama resulta operativa para afondar en asuntos como son a perda, o sufrimento, a identidade e a alienación; sen esquecer a formulación dunha crítica á desigual sociedade estadounidense dos estados do sur, revelando as nulas expectativas de quen a integra. Sociedade condicionada tanto polos escasos recursos que se manexan como por primar nela conceptos como a orde ou a tradición por riba de calquera outros; cun pano de fondo recorrente como é a exploración das tensións inherentes á vida doméstica e familiar, indiscutiblemente fracturada.
Unha obra que proxecta unha manifesta influencia, por exemplo, nas persoas que integraron a chamada “nova narrativa galega”, mais tamén noutras pezas de voces como Isabel Allende, García Márquez ou Cormac McCarthy. Dun ou doutro xeito, é case unha obriga achegarnos a este texto que inspirou unha maneira diferente de entender a creación en prosa.
Este texto publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, sección “Ex umbra in solem“, de La Voz de Galicia, o 22 de marzo de 2025.
