Alén da antoloxía poética titulada En espiral, editada por Chan da Pólvora baixo a man de Daniel Salgado en xaneiro deste mesmo ano, nos últimos meses apareceron tres publicacións que aínda non recolleramos neste blog e das que creo cómpre dar conta, aínda que sexa informativamente, pola súa relevancia e por seren, as tres, publicacións que pagan a pena desde un punto de vista literario.

Refírome, daquela, ao volume que editou Anxo Angueira para Xerais co título de Poesía reunida, ao que cómpre engadir a tradución ao castelán que María Alonso Seisdedos dispuxo de Elipsis e outras sombras para Cuatro Lunas, de Kalandraka e, por último, á Enciclopedia Ilustrada de Ferrín arraiano, un proxecto a cargo de Aser Álvarez.

O primeiro deles paréceme un libro absolutamente esencial para coñecer a obra poética de Ferrín nunha documentada edición feita con rigor e luminosidade por Anxo Angueira. Iníciase, así pois, cun estudo introdutorio onde dá conta da complexidade do corpus poético manexado, alén de dividir a súa obra en dúas etapas cronolóxicas, ademais de tratar a poesía dispersa e de ofrecer unha análise incontestable arredor da súa traxectoria poética desde Voce na néboa (1957) ata Contra Maquieiro (2005). No libro incorpóranse diversas obras entretecidas coa expresión plástica e, ademais, a súa obra poética extravagante e dispersa, que xa en parte xuntara o propio autor no título Era na selva de Esm (2004). Case cen páxinas finais de notas explicativas fan deste volume un título esencial por ofrecer claves interpretativas antes non suxeridas tanto para os que dalgún xeito dispomos e lemos a súa obra independente como para os que non. Un libro que, a meu entender, sorprende que no noso sistema literario non se esgotase ao pouco da súa aparición no mercado.

En segundo lugar cómpre se referir á versión en castelán de Elipses e outras sombras, neste caso traducida polas mans expertas de María Alonso Seisdedos no selo Cuatro Lunas, cun prólogo a cargo de Xabier Cordal e enriquecida tamén cun epílogo que asina Lindsay Semel. Ambos os dous textos axudan, como non podía ser doutra maneira, a valorar o libro con outras perspectivas. Con todo, o sentido xeral de constituír un libro que trata sobre a loita de clases nunha dinámica represiva afortálase e ofrécese agora con acerto para persoas non galegas.

Finalmente tamén cómpre engadir a esta panorámica de libros de ou sobre Méndez Ferrín a chamada Enciclopedia ilustrada de Ferrín arraiano: unha publicación que nos chega da man de Aser Álvarez e que compila máis de trinta sinaturas de escritores, artistas, amigas e amigos que dalgún xeito establecen un diálogo co escritor Xosé Luis Méndez Ferrín desde a perspectiva de homenaxear o autor ourensán. Velaí, así pois, un volume colectivo onde aparece aquí e acolá a palabra de Ferrín en forma de artigos vinculados coa memoria do espazo e das xentes arraianas e onde tamén se dan a man recoñecementos ou tributos poéticos, literarios, audiovisuais, sonoros, fotográficos, bibliográficos, pictóricos e visuais para non perder. Un libro que non só un libro porque se converte, desde a súa ideación, nunha fonte case inesgotable de datos, reflexións e análises vinculadas co universo Ferrín ao multiplicarse e proxectarse ademais, a través de diversos códigos QR, nun rodopío, se se quer unha espiral incensante. Parabéns por esta achega tan singular.