Fernando Castro Paredes
O lanzador de coitelos
Galaxia, Vigo, 522 páxinas, 22,60 €, 2025
Como ben se sabe, no ano 1975 Galaxia organizou un premio literario para celebrar os seus primeiros vinte e cinco anos de vida. Xoguetes pra un tempo prohibido, de Carlos Casares, foi a novela gañadora: unha proposta literaria arriscada e que se entendeu como un paso adiante na narrativa daquel tempo. Agora, cincuenta anos despois, e para celebrar o setenta e cinco aniversario da editorial viguesa, tras a organización dun concurso literario ad hoc, acaba de saír editado o título O lanzador de coitelos, de Fernando Castro Paredes (Tapia de Casariego, 1975).
Entre a devandita obra de Casares e esta de Castro Paredes trázase unha liña que as une: gañaren un premio que celebra a continuación dun selo editorial fundamental para entender a nosa cultura literaria máis recente. Aínda así, ambas as dúas comparten e locen un espírito común que aposta por modelos creativos inspirados na auto-esixencia, na solidez construtiva e estrutural e, abofé, na procura de excelencia no uso do rexistro literario.
Nunha recente presentación da novela no Hotel Compostela, onde se fundou a editorial en 1950, quixen tan só subliñar, en obrigada síntese, a existencia do que entendo como catro piares que talvez gobernen esta novela, sen desvelar o seu argumento. O primeiro pasaría pola revisión e recreación que nela se fai da memoria e, concretamente, dun dos acontecementos claves da historia europea do século XX como foi a shoah ou o holocausto; tamén cumpriría subliñar, desde o meu punto de vista, a reivindicación da palabra e da necesidade de escribir para explicar o mundo e para explicar as identidades, antagónicas ou duais en tantas ocasións, desde a perspectiva desde esa arte do fracaso tantas veces amentada nestas páxinas; en terceiro lugar, a novela exhibe unha visión ampla do xénero narrativo onde caben con naturalidade metaliteratura e certo acaroamento ao para-teatral; sen esquecer, por último, o magnetismo que proxecta unha prosa brillante, envolvente e que involucra ao receptor, dotada de profundidade e convicción naquilo que se conta e que erixe un máis que meritorio xogo de máscaras que nos permite mergullarnos na condición humana. Unha novela, pois, que cómpre non perder.
Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, na sección “Ex umbra in solem” o 25 de xullo de 2025.
