Agustín Agra

Libro das contrarias

Xerais, Vigo, 96 páxinas, 16,95 €, 2025

Pertence Agustín Agra a esa estirpe de biólogos que fan creación literaria e que o fan con moito acerto. Particularmente, voume achegando á súa produción de lustro en lustro, agás ás súas publicacións iniciais, moito máis recorrentes no tempo e orientadas especialmente a un lectorado xuvenil e infantil.

Este Libro das contrarias vén avalado por conseguir o premio Ánxel Fole de narración curta do Concello de Lugo na súa última convocatoria e nel articula, en seis partes, unha verdadeira homenaxe ao espírito científico en todas as súas posibles dimensións e unha delas, talvez non menor, abraza un alento didáctico malia que, naturalmente, esta é unha obra de ficción.

A proposta anóase co primeiro relato do seu anterior libro –Silencio (2020)- onde xa aparecerían algunhas personaxes aquí rescatadas. Dalgún xeito, Agra sabe crear un artefacto sólido, dosificando con efectividade un argumento que creará unha serie de dúbidas que irán desvelándose desde a existencia dun triángulo amoroso no seo do cal, e a través do tempo, transcorren diversos acontecementos entre as personaxes de maneira que a vinculación entre elas vai evolucionando. Desde o argumento que se inicia coa desaparición de Sofía, unha  fotógrafa de sona internacional que se interna nun agreste parque nacional de Suecia onde só se pode subsistir durante o verán, vai tomando forma unha aposta por subliñar o papel da muller no ámbito científico: unha posta ao día da súa presenza no mundo da ciencia a través destas voces protagonistas que van de aquí a acolá, de territorios máis coñecidos a outros que o son menos, mais sempre dominados por unha gran contención por parte da voz narrativa, mesmo nas descricións destes espazos ou na brillantez que teñen as páxinas epistolares, resultado sen dúbida dun proceso sometido a varias revisións e suxeito, ou inspirado, nunha sólida documentación. Ademais, o autor non esquece a relevancia de amosar unha escolla léxica que fai case desta novela hoxe unha rara avis.

Unha esculca, ou se se quer, unha viaxe ao mundo da natureza que nos rodea, mais tamén a esoutro mundo que son as contradicións que albergamos todos os seres humanos, cunha ollada sempre reivindicativa.

Este texto publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, na sección “Ex umbra in solem”, o 4 de xullo de 2025.