Arthur Binard e Tadashi Okakura
La espera (tradución de Kazumi Uno)
Kalandraka, Pontevedra, 36 páxinas, 16 €, 2025
Convidáronme con insistencia a que me achegara a este singular álbum ilustrado e o certo é que agradezo a invitación: La espera é un libro que deixa, inequivocamente, un pouso reflexivo e desacougante ao fío do recoñecemento que se lle tributa ás vítimas do bombardeo atómico de Hiroshima, cando se conmemora o seu 80º aniversario. Un libro publicado por Kalandraka coa axuda de The Japan Foundation.
A xénese deste proxecto remóntase a hai máis de unha década cando Arthur Binard e o fotógrafo Tadashi Okakura deciden visitar o Museo Conmemorativo da Paz en Hiroshima co obxectivo de retratar algúns dos máis de 21.000 obxectos que alí se custodian. E xustamente, a data do 6 de agosto de 1945 e mais a hora en que se iniciou o bombardeo, isto é, as oito e cuarto da mañá, van converterse no marco temporal recorrente que percorrerá a reconstrución ou o retrato dalgunhas, só dalgunhas, das vidas desaparecidas dun total aproximado de 140.000 persoas que morreron no bombardeo.
Velaí como a estratexia de que algúns dos obxectos conservados e que pertenceron a alguén -ás veces vítimas que se converteron nunha sombra negra sobre unha pedra- sexan as que expresan o baleiro, a destrución ou a barbarie: un reloxo, unhas luvas, un vestido, unhas chaves, uns zapatos, un envase de aluminio coa comida carbonizada ou unhas lentes, entre outras pertenzas, son quen de simbolizar a aniquilación, desde a forza que descansa nunhas fotografías que nos falan desde o silencio e enmarcadas nun fondo común como é un pedestal obtido da pedra da illa de Kurahashi empregada na construción do edificio do Parlamento. Non é menor a relevancia da intervención en prosa -breve e contida, sempre no seu punto xusto- de Binard, para situarnos no contexto de cada obxecto, de cada vítima.
Un libro, así pois, que é unha achega insubstituíble xerada polas consecuencias que a guerra, as guerras en xeral, proxectan en nós aínda hoxe.
