VV.AA.

O exilio de nacer. Pensamento e linguaxe na escrita de Alfonso Pexegueiro

Deputación de Pontevedra, Pontevedra, 274 páxinas, 15 €

«A poesía é a raíz do universo», escríbeme Pexegueiro no meu exemplar deste O exilio de nacer, subtitulado «pensamento e linguaxe na escrita de Alfonso Pexegueiro» e, sen dúbida, tras ler este libro un sae máis convencido de que esa concepción é a que domina a totalidade da súa obra creativa, xunto coa idea de exilio como escisión, ruptura e, dalgún xeito, conflito: elementos recorrentes na súa estética.

Este é, así pois, o primeiro volume que aborda, con espírito crítico e criterios rigorosos, distintas dimensións da obra literaria de Alfonso Pexegueiro (narrativa, poesía e textos dramáticos) e como estes xéneros se adaptan á formulación do seu pensamento. Teño a convicción que esta compilación de estudos ha ser a primeira doutras moitas que virán pois contar coa obra de Pexegueiro supón o enriquecemento dun patrimonio dificilmente cuantificable para a poesía galega do ano 1975 a hoxe. Precisamente, a publicación do seu Seraogna no ano sinalado abre as portas a un inequívoco cambio de rumbo da poesía galega, esgotada en modelos reiterativos e en tempos de certa redefinición identitaria, ao que tamén contribúen títulos de X. L. Méndez Ferrín (Con pólvora e magnolias) e de Arcadio López Casanova (Mesteres) xunto con —e gustaríame subliñalo especialmente porque case sempre se omite— boa parte de Onde o mundo se chama Celanova de Celso Emilio Ferreiro.

Un libro este sobre a obra de Pexegueiro, que verte luz ao tempo sobre a súa presenza no colectivo Rompente e que é unha oportunidade para entendermos tanto a dimensión política e existencial da súa obra como a definición do suxeito poético nas súas obras e os seus condicionantes. Dun ou doutro xeito, e falando de omisións, é este un libro que nalgunha medida vén reparar un silencio, ocultación ou marxinación que a súa obra sufriu e sofre desde hai anos, coma se o houbese un malditismo perenne que rodease a súa obra e que nunca se dá superado. É ben posible que este libro, de autoría colectiva, sexa un necesario primeiro chanzo para avanzar cara ao xusto recoñecemento dunha obra rica e poliédrica, coherente e sólida, ao tempo que indiscutiblemente vizosa, dotada dunha vocación de permanencia que a fai insubstituíble.

Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, na sección “Ex umbra in solem”, o 13 de febreiro de 2026.